Ruta das Maceiras en Flor - Inscrición
Visitas gratuítas en maio a unha plantación e sidrarías en aldeas da Estrada
A Deputación de Pontevedra alíase de novo coas e cos produtores de mazá ecolóxica da comarca de Tabeirós-Terra de Montes nunha das iniciativas turísticas de maior atractivo na provincia: as rutas das “Maceiras en flor”, que regresan despois de dous anos de parón pola pandemia. A institución provincial organiza catro visitas gratuítas a plantacións de maceiras e sidrarías da Estrada que terán lugar os días 14 e 15 de maio. Inscríbete nesta mesma páxina debaixo a través do formulario.
Información: Celebraranse dous roteiros por día, cada un con 40 prazas, con saída en autobús ás 10.00 e as 16.00 horas desde a capela de San Roque de Pontevedra (Rúa San Roque, s/n) para as persoas que elixan a opción de incluír o traslado. Se realizan o desprazamento pola súa conta, o punto de encontro será a Finca Callobre na Estrada (coordenadas 42°41'35.3"N 8°26'30.6"W, á beira da casa rural Torres de Moreda), á hora indicada no itinerario (tríptico informativo dispoñible debaixo) pero rógase estean no lugar uns 15 minutos antes da hora.
Todas as rutas consisten nunha visita á plantación de maceiras de Callobre e cata-degustación en sidrarías das aldeas da Estrada. Cada itinerario leva por nome o da sidraría que se visita. O día 14 celébrase a Ruta Ribela (na aldea de Ribela) pola mañá e a Ruta Camino (na aldea de Moreira) pola tarde. O día 15 chegará a quenda da Ruta Rabiosa (en Pardemarín) durante a mañá, e a Ruta A Peroja (na aldea de Agar) pola tarde. Na plantación de Callobre, que será visitada antes de acudir ás respectivas sidrarías, as persoas participantes poden observar a sobreira de Valiñas, que ten preto de 300 anos de antigüidade.
CONSULTA AQUÍ O TRÍPTICO INFORMATIVO COAS CATRO SAÍDAS E OS HORARIOS