Fiestas en Rías Baixas

Termalismo

Fonte de saúde e benestar

Tradición e excelencia definen a oferta termal das Rías Baixas

“Aquí curan os estragos do pensamento e os danos da civilización”. Esta frase que Emilia Pardo Bazán lles dedicou ás augas de Mondariz nos albores do século XX podería atribuírse a calquera das tranquilas vilas de tradición termal que enriquecen a oferta turística de Pontevedra. A provincia é rica en augas mineromedicinais e conta cunha longa tradición no aproveitamento das súas propiedades curativas.

A historia das termas das Rías Baixas remóntase á época romana. Entón xa se utilizaba con fins terapéuticos a auga fervendo que manaba das burgas de Cuntis e Caldas de Reis. Foi moito despois, a mediados do século XIX, cando os baños e balnearios viviron a súa época de esplendor en Europa e os irmáns Peinador, seguindo este ronsel, iniciaron a explotación comercial das fontes da Gándara e de Troncoso en Mondariz -Balneario.

Hotel Tálaso AtlánticoInterior do Hotel Talaso Atlántico
TermalismoTratamento relaxante
TermalismoInterior do Augusta Spa Resort (Sanxenxo)

As antigas casas de baños de Catoira, Ponte Caldelas ou Vila de Cruces utilizadas hai século e medio desapareceron co tempo. A tradición continúa con aires renovados en Mondariz, Illa da Toxa, Cuntis e Caldas de Reis, que souberon preservar este legado e completan hoxe o seu interese como destinos termais cunha variada oferta cultural e gastronómica e espectaculares paisaxes para pasear á tardiña.

A fama inicial das augas termais de Pontevedra procedía da súa eficacia para mitigar problemas respiratorios e o reumatismo, pero co tempo reveláronse ademais como grandes aliadas nos tratamentos de beleza, antiestrés ou de adelgazamento.

A fórmula do éxito dos balnearios das Rías Baixas radica en que souberon manter a elegancia e o espírito señorial que rodeaba as instalacións orixinais á vez que se modernizaban os edificios e se incorporaban as técnicas máis innovadoras ao coidado do corpo e da mente. Hoxe son templos de saúde e tamén de benestar.

Hotel Carlos IInstalacións do Hotel Carlos I Silgar