Fiestas en Rías Baixas

Termalismo

Grandes balnearios

Goza de centros termais co mellor equipamento nas Rías Baixas

O termalismo moderno nas Rías Baixas ten século e medio de historia. Os dous centros pioneiros na aplicación terapéutica das augas mineromedicinales foron os balnearios da Illa da Toxa e Mondariz, aínda que neste caso existe a crenza na zona de que a fonte da Gándara era xa frecuentada na Idade Media polos señores do castelo de Sobroso.

Percorrer a historia termal da provincia ata as súas orixes obríganos a remontarnos ata os romanos, bos coñecedores dos beneficios das augas que manaban a máis de 50 graos de temperatura das burgas de Caldas de Reis e Cuntis. Estes, xunto coa Illa da Toxa e Mondariz, son hoxe os catro destinos preferentes para o coidado da saúde na provincia de Pontevedra con centros balnearios modernos e unha completa oferta de tratamentos.

O complexo de Mondariz-Balneario é o pioneiro do termalismo galego e todo un referente entre as principais rexións termais de Europa. A primeira mención escrita aos beneficios das súas augas atopámola nunha publicación do ano 1848, aínda que o “descubrimento” comercial dos dous mananciais que deron orixe ao actual imperio termal se lles atribúe ao médico Sabino Enrique Peinador e ao seu irmán Gumersindo, que realizaron as primeiras analíticas e lograron a declaración de utilidade pública das fontes da Gándara e de Troncoso.

Balneario de Mondariz

Aristócratas, políticos, artistas e influentes homes de negocios dábanse cita durante as tempadas de augas nesta pequena localidade pontevedresa. Tal foi o éxito do proxecto que a vila contaba cunha moeda propia, os peinadores, un xornal local e logrou independizarse do concello de Mondariz en 1924.

O balneario rexurdiu das súas cinzas en 1990 tras o declive sufrido durante a Guerra Civil e un devastador incendio na década dos setenta. Nestes últimos trinta anos a súa capacidade para reinventarse e a súa aposta pola calidade situárono como o maior complexo hostaleiro galego. Aos seus baños súmanse un campo de golf, un centro de congresos e servizos de hostalería.