Ir o contido principal
INSPÍRATE

Revive as fazañas de Pedro Madruga

Percorrer nas Rías Baixas a Ruta Madruga é descubrir fortalezas, explorar torres e visitar cidades históricas para revivir as andanzas deste personaxe imprescindible na Galicia do século xv

Coñeces a Pedro Madruga? Intérnate na apaixonante vida deste nobre que levou a casa Sotomayor á súa etapa de maior gloria. Aventureiro, belixerante e influente, as súas andanzas marcaron parte da historia de Galicia fai 600 anos.

Fortalezas, torres e cidades son testemuñas pétreas das fazañas deste afamado nobre. Para seguir os pasos de Pedro Madruga, o punto de partida ideal é o castelo de Soutomaior, fogar da familia e centro de poder no sur de Galicia. Percorre o seu interior, pasea polos seus xardíns, onde reina a camelia, e visita o seu novo museo antes de desprazarte ata a seguinte parada da ruta.

Agora, o teu camiño levarate polo curso do río Miño. En Crecente, limítrofe con Ourense, atoparás a torre de Fornelos na marxe do río Ribadil.

O impoñente castelo de Soutomaior foi o centro neurálxico do sur de Galicia durante o século XV

Alí, Madruga mantivo preso ao bispo de Tui, Diego de Muros. Do mesmo xeito que ocorría cos seus predecesores, Pedro Álvarez de Sotomayor ostentaba entre os seus títulos nobiliarios o de vizconde da cidade fronteiriza de Tui e as súas desavinzas cos bispos eran constantes.

Segue o rastro do nobre cara ao castelo de Sobroso, monumental atalaia en Mondariz, e desde alí mergúllate no ambiente do século xv mentres gozas das vistas a máis de 300 metros de altura.

De alí baixarás á fortaleza de Salvaterra de Miño, vila que foi motivo de disputa entre as familias Sotomayor e Sarmiento. Chega agora a quenda da histórica cidade de Tui, da que o protagonista da nosa historia era vizconde. Tómate o teu tempo para pasear polo seu centro monumental encantador, onde aínda perdura a pegada sefardí.

Baiona, xa na ría de Vigo e a seguinte escala, loce a maxestosa fortaleza de Monte Boi, hoxe parador nacional. Os Reis Católicos nomearon gobernador a García Méndez de Sotomayor, xenro do noso protagonista. Goza das vistas ás illas Cíes e pasea por esta vila histórica.

¿O verdadeiro Cristóbal Colón?

Cristovo Colón compartía amigos e inimigos con Madruga, protexeu os seus fillos e bautizou máis de cen lugares do novo mundo con topónimos ligados ás Rías Baixas. Estas coincidencias déronlle lugar a unha sólida teoría que apunta a que o nobre das Rías Baixas puido utilizar o nome de Colón no último tramo da súa vida. Desamigado cos Reis Católicos nesa etapa, a finalidade sería confiarlles segredos de navegación aos monarcas con outra identidade a cambio de importantes concesións.

Continúa ata Vigo, a maior cidade de Galicia, cunha animada zona vella e miradoiros fermosos. Pedro Madruga obtivo de Enrique iv un interese sobre as rendas da cidade, da veciña Redondela e de Pontevedra.

O teu camiño lévate ata a torre da Lanzada, situada nunha paraxe fermosa coa illa de Ons enfronte, unha das xoias do parque nacional das illas Atlánticas, e entre magníficas praias. Sufriu as consecuencias da rebelión dos irmandiños contra os que loitou Madruga e quedou derruída, do mesmo xeito que a de San Sadurniño en Cambados, última parada da Ruta Madruga. Foi destruída nas revoltas e restaurada polos Sotomayor en 1709.

Estades preparadas e preparados para a ruta?

tui

Non o podes perder...

  • Castelo Soutomaior
  • Castelo Sobroso
  • Fortaleza Monte Boi
  • Torre da Lanzada
Desplegable