Baixo o Ceo das Rías Baixas: Descubre o ceo do interior de Pontevedra a través dunha experiencia de astroturismo única
O interior da provincia de Pontevedra agocha un dos seus tesouros mellor conservados: a calidade dos seus ceos. Lonxe da contaminación luminosa e rodeado de paisaxes naturais, este territorio ofrece as condicións ideais para contemplar o universo e vivir unha experiencia de astroturismo que combina natureza, ciencia, cultura e patrimonio.
Baixo o Ceo das Rías Baixas nace para poñer en valor este recurso excepcional e converter o ceo nunha nova forma de descubrir o territorio. Inspirada polos grandes acontecementos astronómicos que marcarán os vindeiros anos, especialmente a eclipse solar total do 12 de agosto de 2026 e os fenómenos asociados ao denominado «Trío de Eclipses», esta proposta vai moito máis alá destes eventos e consolídase como unha experiencia permanente para gozar do ceo durante todo o ano.
A través de actividades diúrnas e nocturnas, esta experiencia convida a observar o firmamento, interpretar os movementos dos astros, recoñecer constelacións e comprender os fenómenos astronómicos desde algúns dos mellores enclaves do interior da provincia. Cada observación convértese tamén nunha oportunidade para descubrir a paisaxe, o patrimonio e a identidade dun territorio onde o ceo forma parte da súa riqueza natural e cultural.
O astroturismo constitúe unha forma de viaxar sostible, de calidade e respectuosa coa contorna. Ademais de ofrecer experiencias singulares afastadas das masificacións, contribúe a diversificar a oferta turística e a gozar do destino en calquera época do ano, favorecendo a desestacionalización e xerando novas oportunidades para os municipios do interior de Pontevedra.

Baixo o Ceo das Rías Baixas, impulsado por Turismo Rías Baixas, busca posicionar a provincia como un destino de referencia para a observación astronómica, conectando os valores paisaxísticos, ambientais e patrimoniais cun produto turístico que integra a divulgación científica e o coñecemento do universo.
A experiencia está deseñada para adaptarse a diferentes perfís de visitantes, desde persoas que desexan contemplar por primeira vez un ceo estrelado ata familias, grupos, centros educativos ou persoas afeccionadas á astronomía que buscan afondar no coñecemento do firmamento. Cada actividade incorpora unha dimensión educativa e divulgativa que fomenta a cultura científica e axuda a comprender a importancia do ceo nocturno como patrimonio que debemos protexer.
Precisamente, un dos obxectivos desta iniciativa é sensibilizar sobre a necesidade de preservar a calidade do ceo fronte á contaminación luminosa, promovendo un turismo responsable que contribúa a conservar este recurso para as xeracións futuras.
Como base desta experiencia, realizouse un estudo para identificar os emprazamentos con maior potencial para a observación astronómica no interior da provincia de Pontevedra. Cada un deles, foi analizado atendendo ás súas condicións de observación, ás súas características ambientais e paisaxísticas, á súa accesibilidade e á súa capacidade para integrarse nunha oferta de astroturismo de excelencia. Así mesmo, avaliouse o seu potencial para optar ao recoñecemento como Miradoiro Estelar Starlight (Estelario Starlight), unha certificación que recoñece a calidade do ceo e o compromiso coa súa conservación.
Porque descubrir as Rías Baixas tamén é erguer a vista e deixarse sorprender por un ceo que cambia cada noite e que converte cada visita nunha experiencia diferente.