O outro Nadal das Rías Baixas
Máis aló das espectaculares luces de Vigo ou Pontevedra, a provincia agocha un Nadal diferente, onde cada recanto garda unha celebración auténtica e singular.
Nestes lugares, o Nadal non se mide pola altura dunha árbore nin polo número de lámpadas, senón polo afán das súas comunidades por compartir momentos e actividades na época máis fría e escura do ano. É o tempo dos beléns artesanais, dos mercados de Nadal, dos concertos e concursos, e da gastronomía local.
Ven descubrir un Nadal máis tranquilo e humano! Nas Rías Baixas, cada aldea e cada vila ofrece un refuxio para vivir as festas sen présa. Quizais con menos iluminación, pero moito máis cálido.
CAMBADOS
Tras o acendido da iluminación de Nadal, Cambados ofrece actividades durante todas as festas: atraccións infantís, concertos, galas, bailes, concursos, carreiras… sen esquecer a súa Aldea de Nadal para as máis pequenas e pequenos. No berce do albariño, o espírito do Nadal brilla con forza.
COVELO
O concello de Covelo presenta un Nadal 2025 cheo de encanto e ambiente festivo que arranca o 6 de decembro coa Feira de Artesanía, na praza Mestre Cerviño, e se prolonga durante semanas con numerosas propostas culturais, familiares e solidarias que inclúen cine, teatro, patinaxe e fotografía. As celebracións culminan o 6 de xaneiro coa gran cabalgata de Reis e a recepción ás súas maxestades no pavillón municipal.


GONDOMAR
Un ano máis, Gondomar viste as súas rúas para festexar o Nadal, darlle a benvida ao Aninovo e recibir con ilusión os Reis Magos. Tras o grande acendido, son moitas as actividades programadas: pasarrúas, microteatro, concertos e certames de corais. Destaca o mercado de Nadal da praza Paradela e o belén artesanal en movemento, con máis de 500 figuras e máis de 70 m².
MARÍN
Marín acende a maxia do Nadal o 5 de decembro coa apertura da Alameda do Nadal, o tren de Nadal, o carrusel e o acendido oficial da iluminación. Haberá mercados, espectáculos, obradoiros, música, pasarrúas, actividades infantís e visitas especiais. O Nadal culmina coa cabalgata de Reis.
MONDARIZ BALNEARIO
Mondariz-Balneario inaugura o Nadal cun acendido de luces que converte este enclave termal nun escenario de conto. A iluminación realza a elegancia dos edificios e xardíns e crea un ambiente máxico que mestura benestar, tradición e beleza nun dos destinos máis especiais para vivir o Nadal con calma.
NIGRÁN
Nigrán converte o Nadal nun punto de encontro cheo de creatividade co mercado invernal Bulebule, unha cita de tres días con concertos, artesanía local, furgonetas de comida, gastronomía e actividades infantís.

O GROVE
A gran cabalgata de Reis é o acto principal do Nadal no Grove. O 5 de xaneiro, arredor das seis da tarde, o desfile sae do CEIP Valle-Inclán e percorre as rúas ata a praza do Corgo. Ao remate, os Reis saúdan desde o balcón da casa do concello e a xornada pecha cunha chocolatada popular.

POIO
Poio dálle a benvida ao Nadal cun programa cheo de encanto en escenarios coma a praza do Mosteiro ou Combarro. As celebracións comezan o 29 de novembro, coa inauguración do Nadal e a apertura do mercado de Nadal, e culminan o 6 de xaneiro, coa cabalgata de Reis.
PONTE CALDELAS
Ponte Caldelas celebra a festa de fin de ano máis multitudinaria da comarca. A partir da unha e media da madrugada, a orquestra Miramar anima a chegada do 2026.

PONTECESURES
Pontecesures vive o Nadal cun encanto propio marcado polo ecobelén de Porto, elaborado con materiais vexetais e froito da implicación veciñal.

A programación culmina o 7 de xaneiro coa Festa do Churro, coa repartición gratuíta de churros e chocolate quente.

O PORRIÑO
O Porriño ofrece un Nadal cheo de encanto, con espectáculos de maxia, monicreques, contacontos, cine infantil, concertos, festivais e animación de rúa. Inclúe visitas a Papá Noel, ao Apalpador e aos Reis Magos, ademais do tren turístico e mercados solidarios. As festas rematan coa carreira de Reis e co encontro de rondallas.

SANXENXO
Sanxenxo inaugura o seu Pazo do Nadal, unha gran carpa con programación diaria: música, xogos, espectáculos, pista de xeo e mercado de Nadal. Complétase co Bosque de Nadal de Noalla.
SALVATERRA DE MIÑO
Salvaterra de Miño dálle a benvida ao Nadal coa Festa do Viño Espumoso na Fortaleza, un evento único que combina catas, gastronomía, música e espírito festivo.

SILLEDA
Silleda inicia o Nadal o 5 de decembro co audiovisual O crebanoces en Silleda, proxectado na casa do concello. Haberá actividades culturais e familiares, o concerto de Nadal da banda municipal e, o 31 de decembro, a carreira de San Silvestre e a festa antes de fin de ano.

TUI
Tui enche de encanto a vila co mercado de Nadal, o belén de Mingos, con máis de 300 pezas, a árbore dos desexos solidaria, a presenza da fada do Aloia e a cabalgata de Reis internacional Valença-Tui.


VILAGARCÍA DE AROUSA
Vilagarcía vive o Nadal con citas destacadas coma a Festa das Uvas, o 31 de decembro ao mediodía, Fexturrón, no recinto feiral de Fexdega, con atraccións e actividades familiares, e a Aldea de Nadal, na rúa Clara Campoamor, composta por casetas de madeira e cun ambiente tradicional.
