Ir o contido principal
DESCUBRIR

Bocados deliciosos

Tradicionais e exquisitas: así son as sobremesas nas Rías Baixas

A terra foi máis que xenerosa coas Rías Baixas; os produtos de calidade que ofrece dan lugar a verdadeiras exquisiteces no ámbito da repostería, desde sobremesas típicas, como as filloas ou as rosquillas, ata produtos de excelente factura e sabor único, como o mel de Galicia. Ademais destes doces, esta comunidade autónoma dálle acubillo a outros manxares máis naturais, entre os que se atopan diversas froitas, como as mazás ou os mirabeis.

Sobremesas típicas

Dentro da carta de sobremesas da provincia de Pontevedra, as filloas están entre as máis populares, similares ás afamadas crêpes francesas, que tradicionalmente se elaboran cunha base de fariña, leite e ovos. A esta receita tamén se lle pode engadir sangue de porco, cun resultado delicioso. As filloas son doces, a diferenza das crêpes, e poden aderezarse con azucre, mel ou chocolate, e mesmo acompañarse de marmelo ou castañas cocidas.

Este produto gastronómico típico da sobremesa en Galicia cocíñase especialmente en datas como o Entroido ou a matanza do porco (San Martiño). As filloas elaboradas na parroquia de Valongo (Cercedo-Cotobade) son moi coñecidas, pois desde fai case 40 anos celébrase na súa honra a Festa da Filloa.

As chulas, unha sobremesa típica galega moi popular en Pazos de Borbén, son moi similares ás filloas en canto aos seus ingredientes, pero o paso final da súa elaboración é ben distinto, xa que a mestura frítese en abundante aceite.

Festas populares

As filloas son típicas do Entroido nas Rías Baixas, pero as rosquillas e os melindres de Ponteareas, con máis de 100 anos de historia, son outros doces tradicionais que non faltan en ningunha festa, romaría ou calquera cita popular. Nos seus inicios, estes produtos artesanais só se vendían en feiras, festas e romarías, pero actualmente pódense adquirir durante todo o ano en confeiterías e pastelerías.

Silleda é un dos berces destes dous produtos reposteiros protagonistas das romarías tradicionais galegas. As rosquillas da parroquia de Abades elabóranse de forma artesanal desde hai máis dun século e, desde fai 30 anos, organízase unha festa para honrar este doce cada Domingo de Pascua. Tamén Gondomar conta cunha longa e próspera tradición de rosquillas.

Desa mesma tempada é o bolo de Pascua, tamén coñecido como bolo de ovos, un pan enfornado con ovos crús enteiros que se elabora nas comarcas do Salnés e de Caldas. Era un costume típico desta época que os padriños lles regalasen ás súas afilladas e afillados o bolo e as madriñas, a rosca.

 

Rosca de yema de A Guarda
Rosca de yema de A Guarda

 

A rosca de xema da Guarda é un exquisito doce tradicional impulsado a mediados dos anos sesenta polas panaderías e pastelerías da zona do Baixo Miño. A masa desta deliciosa sobremesa é un esponxoso brioche que se enche con xema confeitada. Moi diferente, aínda que comparten nome, é a rosca de Caldas de Reis. Os ingredientes deste doce típico, cuxo proceso de elaboración pode durar máis de 6 horas, son: azucre, manteiga, ovo e fariña.

O último que vos presentamos é a vincha ou bandullo, un doce propia da comarca de Tabeirós-Terra de Montes que se atopa en perigo de extinción. Elabórase no interior da vexiga do porco, previamente inflada e curtida, onde se coce unha mestura de ovos, leite, canela, limón, noces, azucre, pan e manteiga. A descrición pode sorprender, pero o resultado é delicioso.

Outros produtos

O mel de Galicia é un produto natural que se produce de forma artesanal desde antano. O clima das Rías Baixas, especialmente benevolente e suave pola influencia directa do mar, dálle lugar a unha flora rica e variada que permite a produción tanto de mel monofloral como dun abanico de meles de milflores. As alvarizas adoitan ser pequenas e artesás, coidadas co maior mimo e esmero para conseguir unha calidade de primeira.

Na provincia de Pontevedra, nas terras montañosas das Neves, bañadas polo río Miño, ou nas da parroquia lalinense de Zobra, inmersa na serra do Candán, fabrícase un mel de excelente calidade, protexida baixo a indicación xeográfica protexida Mel de Galicia. Este doce e exquisito néctar pode acompañar o requeixo ou os froitos secos e conformar unha sobremesa típica moi saudable. En Baiona, o mel e as noces convértense nos produtos estrela durante a popular romaría de San Cosme e San Damián.

 

Requeixo con mel das Neves
Requeixo con mel das Neves

O gando vacún que nace nos verdes pastos do interior da provincia, criado ao aire libre e alimentado con produtos naturais, é a orixe dun leite de calidade único, o ingrediente primordial do requeixo que se elabora de forma sinxela e tradicional, como o das Neves ou o de Cotobade.

É unha realidade que os extensos prados e campos da provincia de Pontevedra ofrecen auténticos tesouros para o padal. Por todo o seu territorio esténdense unha gran variedade de árbores froiteiras que producen os doces da natureza: as froitas. No norte da provincia, A Estrada conta cunha ampla tradición de produción de mazá e sidra que se remonta á Idade Media.

Cultivo ecolóxico

Nos últimos anos, a industria da mazá e da sidra, o ouro líquido da Estrada, sufriu un notable crecemento e, así, consolidouse un sector con tirón que hoxe en día conta con máis de 30 firmas de elaboración de sidra ecolóxica. Produtoras e produtores, tanto locais como foráneos, reúnense a primeira fin de semana de xuño na localidade dezá para celebrar a Festa da Sidra.

Tamén é relevante a produción de mazá en Marín. Esta localidade da península do Morrazo conta con máis de 30 variedades de mazás autóctonas utilizadas para elaborar sidra. Esta diversidade de materia prima confírelle á súa sidra un sabor único e moi característico. O día de Santo Tomei de Piñeiro, a principios do mes de outubro, réndeselle homenaxe.

Este percorrido lévanos ao sur da provincia de Pontevedra, onde podemos atopar múltiples variedades de árbores froiteiras, con froitas alóctonas, como os kiwis ou os mirabeis, e autóctonas, como as cereixas. Tomiño goza de ser o maior municipio da provincia en número de plantacións de kiwi. Esta froita chegou de Nova Zelandia e máis da metade da súa produción en España provén de Galicia, especialmente do sur da provincia.

A cerdeira converteuse sen dúbida no emblema da parroquia de Beade (Vigo). Esta árbore é tan característica do lugar que moitas veciñas e veciños teñen unha nos seus xardíns. O tradicional cultivo de cereixa en Beade é de vital importancia para a economía de moitas familias desta parroquia e a variedade máis común é a denominada «picuda», unha cereixa pequena, con forma de corazón, doce e moi saborosa.

A beiras do río Miño, fronteira natural con Portugal, atópase O Rosal, fogar desde hai décadas do mirabel. Esta froita dourada chegou ás Rías Baixas desde a Selva Negra alemá, onde se produce desde 1935. O mirabel, un curmán da ameixa, é unha exquisitez gastronómica difícil de atopar fóra de Galicia como produto fresco debido á súa escasa durabilidade.

 

orellas-de-entroido
sidra
filloadulcesC
RosquillasdePonteareas1
Desplegable