Patrimonio relixioso
Afonda nos grandes monumentos espirituais da provincia de Pontevedra
A paisaxe da provincia de Pontevedra e a súa historia están tinguidas de espiritualidade. Á beleza natural dos seus bosques, ríos, praias e do seu suave litoral únese a mística dos seus recunchos máxicos, de culto e retiro, onde illarse do mundanal ruído e vivir tamén parte da experiencia deste formidable destino turístico. Mosteiros, igrexas ou santuarios son remansos de paz situados en paisaxes idílicos de costa e interior.
A catedral de Santa María, en Tui, constitúe a xoia da coroa dun fermoso centro histórico a beiras do río Miño. A súa fachada principal foi a primeira na península ibérica realizada en estilo gótico.
A paisaxe urbana de Pontevedra non podería entenderse sen a silueta da Peregrina, un santuario cunha característica forma de cuncha de vieira e unha parada obrigatoria no Camiño de Santiago. En Pontevedra tamén se pode contemplar a magnificencia dunha das obras cume do gótico de Galicia: a basílica de Santa María a Maior. A súa fachada foi concibida como un gran retablo en pedra.
Moi próxima a Pontevedra, aos pés do lendario Camiño Portugués, atópase a igrexa de San Martiño de Agudelo, en Barro. Do templo orixinal, construído no século xii, consérvanse a ábsida e a portada occidental. Neste mesmo camiño a Compostela, en Caldas de Reis, sitúase a igrexa de Santa Mariña de Carracedo, cun gran torreón de estilo barroco.
Situada no centro histórico de Vigo, a concatedral, popularmente coñecida como a Colexiata, acolle a imaxe do Cristo da Victoria, o símbolo relixioso máis importante da cidade olívica.
En dirección sur, Panxón, en Nigrán, alberga un fabuloso templo obra do insigne arquitecto Antonio Palacios. O templo Votivo do Mar, construído entre 1932 e 1937, foille consagrado á virxe do Carme nun estilo charramangueiro con influencias moi diversas. A continuación, en Baiona, atópase a capela de Santa Liberata, que se comezou a construír en 1695 por iniciativa popular en honra á mártir filla da localidade e a primeira muller crucificada no mundo en 139.
A provincia de Pontevedra garda no seu interior magníficos templos inmersos na súa natureza. O impoñente santuario de Santa María de Abades, de estilo neoclásico, foi construído en Silleda no século XVIII; destaca pola grandiosidade da obra, na que destacan a cúpula e a torre, a máis alta da comarca.
Os fermosos mosteiros transmítennos unha impoñente quietude. Estes monumentos en pedra son o punto de partida (ou chegada) ideal nun percorrido pola natureza que os rodea, desde bosques a praderías e a beira do mar.